Dixitaliza da xestión do Punto Limpo

O Concello dixitaliza a xestión do Punto Limpo grazas a unha subvención solicitada ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.

 

Para adaptar a xestión municipal á normativa (obriga de arquivo cronolóxico telemático) e facilitar a xestión documental diaria, contratouse o deseño a medida e posta en marcha dun programa informático de xestión que permita controlar e xestionar as entradas e saídas de residuos xestionados no punto limpo, a súa manipulación e a recollida de aveños a domicilio.

 

Na instalación do punto limpo xestiónanse, ademais dos residuos entregados alí mesmo, os procedentes do punto limpo móbil e os procedentes da recollida de aveños a domicilio. Actualmente non se dispón dun control efectivo e cuantitativo dos residuos que se xestionan a través da instalación, en formato dixital, que permita autoevaluar a xestión de residuos do municipio, a xeración de residuos por habitante ou o uso dos servizos municipais por parte da cidadanía.

Co programa de xestión, vaise dispoñer de todos os datos en formato dixital permitindo a autoavaliación de xestión para realizar axustes dos servizos para ser máis eficientes, establecer políticas e campañas de mellora para incentivar o uso da instalación e sensibilizar fronte o abandono dos residuos e a súa contaminación.

O programa de xestión permitirá xerar informes e estatísticas, datos reais que ofrecerán unha imaxe veraz do municipio respecto a a xeración e xestión de residuos para traballar na xerarquía de residuos: redución de xeración de residuos e aumento da súa reutilización en aras da protección e mellor uso dos recursos naturais.

 

O programa contempla o deseño de dúas interfaces, unha aplicación móbil que estará nun dispositivo smartphone para o persoal que atende o punto limpo e unha interface para o computador da oficina do servizo municipal de medioambiente. Esta aplicación está pensada tamén para a implantación futura dun módulo de puntos por uso do punto limpo que permita aplicar o prinicipio de quen contamina, paga e axustar bonificacións nas taxas fiscais da prestación do servizo.