Colonias Felinas

Debido á tenencia irresponsable de gatos sen esterilizar nin identificar con acceso ao exterior por descoido ou intencionadamente (extravío ou abandono) fórmanse agrupacións numerosas de gatos na contorna dos núcleos poboacionais ás que se coñece como colonias felinas.

O Concello de Cerdedo Cotobade conta cun Protocolo Municipal de xestión de colonias felinas para mellorar a convivencia cidadá, garantir o benestar animal e favorecer unha xestión responsable deses gatos comunitarios.

O obxectivo é manter un control poboacional, unas condición de hixiene e limpeza para manter un control sanitario e mellorar o benestar animal dos felinos.

A xestión e control das colonias felinas corresponde ás entidades locais, pero a colaboración cidadá e de entidades de protección animal, como actores plenamente implicados no modelo de xestión, é necesaria e fundamental para conseguir chegar a todas as colonias cun modelo coordinado e estandarizado.

¿Que é unha colonia felina controlada?

Unha colonia felina controlada é un grupo de gatos comunitarios que viven en liberdade, vinculados a un territorio onde atopan os seus recursos de subsistencia.

A súa xestión permite coidar o seu benestar, controlar a poboación de forma responsable e reducir posibles molestias na contorna.

Estes gatos non deben ser trasladados nin manipulados pola veciñanza. Son animais territoriais e a súa xestión debe realizarse mediante persoal autorizado e seguindo o protocolo municipal.

Método CES: capturar, esterilizar e soltar

O método CES permite controlar a poboación felina sen retirar os gatos do seu territorio. Realízase mediante capturas seguras, intervención veterinaria e retorno á colonia de orixe.

 Persoa coidadora de colonias felinas

Aquelas persoas que queiran realizar de maneira altruista actividades de alimentación, coidado de colonias, captura ou rescate de gatos no ámbito territorial do concello de Cerdedo Cotobade, deberán comprometerse mediante sinatura e presentación da correspondente declaración responsable e proporcionaráselles un carné identificador.

Calquera persoa coidadora de colonias felinas poderá cesar en calquera momento por decisión propia.

Documentación relacionada

Protocolo Municipal de xestión de colonias felinas. Descargar

Comunicación existencia colonia felina. Descargar

Declaración responsable como Coidador de colonia felina. Descargar