A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha a Oficina de rehabilitación de vivenda, un punto informativo que nace co obxectivo de asesorar e dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios os novos programas de axudas con fondos europeos en materia residencial.
Precisamente, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a oficina, localizada xunto ás dependencias do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en Santiago de Compostela, concretamente en Área Central, e concibida para garantir que as diferentes subvencións que se convocarán este ano para financiar actuacións de construción e rehabilitación con fins residenciais cheguen ao maior número posible de persoas e entidades.
O punto de información do IGVS leva xa uns días en funcionamento e estará aberto de luns a venres polas mañás, en horario de 9 a 14 horas. Os interesados tamén terán a opción de facer consultas por teléfono, a través do número 881 045 897, o mesmo ao que haberá que chamar para pedir cita previa en caso de preferir atención presencial.
Acompañada polo director do IGVS, Heriberto García, e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a conselleira tivo ocasión de coñecer as instalacións da nova oficina, así como a unha parte do seu cadro de persoal, integrado por 14 traballadores que se encargarán de atender as consultas de concellos, particulares e entidades con relación ás diferentes liñas de axudas de fondos europeos.
Tras subliñar a gran oportunidade que suporán para Galicia estas subvencións, xa que facilitarán a reforma enerxética dos fogares e o acceso á vivenda, á vez que contribuirán a dinamizar o sector da construción e das reformas, Ángeles Vázquez referiuse aos cinco programas sobre os que ofrecerá asesoramento especializado a nova oficina.
En concreto, informarase sobre as axudas a nivel de barrio, dotadas con 22,9 millóns de euros; as axudas a nivel de edificio, que disporán do mesmo orzamento que as anteriores; as axudas para a redacción de proxectos e elaboración do libro do edificio, cunha partida asignada de 3,4 millóns; as axudas á construción ou rehabilitación de vivendas de alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, cunha dotación de 16,1 millóns de euros; e as axudas a nivel de vivenda, as únicas que xa están convocadas, cun orzamento de 13,5 millóns de euros e que se poderán solicitar ata o vindeiro 14 de outubro para realizar pequenas obras de eficiencia enerxética, como o cambio de ventás.
Así mesmo e coa finalidade de que toda a información relativa a estes novos programas acade a maior difusión posible, a conselleira avanzou que se está a ultimar tamén unha guía informativa dirixida a particulares, concellos e promotores interesados en realizar obras de rehabilitación enerxética no eido residencial.
O documento definitivo, segundo dixo, estará dispoñible en breve tanto en papel, para a súa consulta nas diferentes oficinas do IGVS, como en versión dixital, para descargalo a través da páxina web do organismo autonómico.