Balance inicial do convenio con Arroupa, firma dependente da fundación diocesana
Cerdedo-Cotobade recolle preto
de 800 quilogramos de roupa usada nun só mes a prol de Cáritas
- O municipio conta con tres contenedores para depósito de vestimenta no CEIP de Tenorio, o punto limpo e o aparcadoiro público de Cerdedo
- A iniciativa, posta en marcha pola oficina de Medio Ambiente, pretende facilitar roupa a familias con poucos recursos e reducir os residuos
15 de febreiro de 2017.- O Concello de Cerdedo-Cotobade recolleu un total de 772 quilogramos de roupa usada no primeiro mes de funcionamento do seu novo servizo de recollida de vestimenta, posto en marcha en colaboración coa empresa Arroupa, dependente da Fundación Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela.
O convenio asinouse a finais de novembro e permitíu a colocación de tres contenedores de roupa usada no municipio. Os puntos de depósito de roupa recolleron 251,50 quilogramos no CEIP de Tenorio, 151,50 no punto limpo municipal e 369 no aparcadoiro público de Cerdedo, respectivamente. Deste xeito, o arranque da actividade pode considerarse moi exitoso, xa que a súa proxección anual suporía a retirada de máis de 9.200 quilogramos de roupa usada, aínda que se confía en que a cantidade se incremente a medida que o servizo comece a ser aínda máis coñecido entre a veciñanza.
Esta iniciativa, que está impulsada pola oficina de Medio Ambiente, conta con dous obxectivos, que pasan polo aforro de custes no tratamento de residuos ao reducir o depósito de prendas nos contenedores xenéricos de lixo orgánico e, sobre todo, o feito e facilitar roupa en bo estado a familias con poucos recursos económicos.
O Concello optou pola firma Arroupa, que se encarga da recollida da roupa e do mantemento dos contenedores, como vía de xestión para a roupa e téxtiles usados porque se trata dunha empresa de economía social, dedicada á reciclaxe e posta en valor da roupa usada, que dá traballo a persoas nunha situación de marxinación.
Os veciños poden depositar nestes colectores roupa, calzado, bolsos e téxtiles como mantas. As prendas en boas condicións serán ofertadas a familias e colectivos que precisen de axuda social, mentres que as inservibles serán enviadas a centros axeitados para a súa reciclaxe. Para aproveitar ao máximo os colectores e facilitar a xestión, desde o Concello pídese que a roupa se deposite neles en bolsas e –preferentemente– dobrada.