O Concello e Cáritas colaboran na recollida de roupa usada

O Concello de Cerdedo-Cotobade asina un convenio con Arroupa – Cáritas para a instalación de colectores de recollida de roupa e calzado usado.

A Oficina Municipal de Medioambiente do Concello de Cerdedo-Cotobade,acaba de chegar a un acordo de colaboración coa empresa de economía social Arroupa – Cáritas para a instalación de colectores de recollida de roupa en diferentes puntos do municipio. O proxecto ten dúas finalidades: por unha banda aforrar custos no tratamento de residuos evitando que se tiren prendas de vestir nos colectores xenéricos e, por outra -e máis importante-, facilitarlles ás familias con menos recursos lotes de roupa en bo estado.

O Concello optou pola empresa Arroupa como via de xestión para a roupa e téxtiles usados do Concello porque se trata dunha empresa de economía social, dedicada á reciclaxe e posta en valor da roupa usada, que dá traballo a persoas nunha situación de marxinación. O seu fin é fornecer pezas para os máis necesitados, a roupa reutilizable envíase para a súa venda ás tendas de segunda man abertas con cargo ao proxecto e o material que non pode ser recuperado envíase a plantas de reciclaxe.

Coa firma do citado convenio, o Concello poñerá a disposición de Arroupa o espazo necesario para a colocación dos colectores, asumindo Arroupa as responsabilidades derivadas da recollida e do mantemento dos mesmos. Como inicio acordouse a instalación de tres colectores que se situarán, proximamente, no Punto Limpo, no aparcadoiro público deCerdedoe outro á beira da marquesiña de autobús do colexio público de Tenorio.

Os veciños poderán depositar nestes colectores roupa, calzado, bolsos e téxtiles como mantas. As prendas en boas condicións serán ofertadas a familias e colectivos que precisen de axuda social, mentres que as inservibles serán enviadas a centros axeitados para a súa reciclaxe. Para aproveitar ao máximo os colectores e facilitar a xestión, desde o Concello pídese que a roupa se deposite neles en bolsas e -preferentemente- dobrada.

Deixamos un mapa coa localización dos tres contedores.