Nas últimas décadas por motivo dunha expansión continua os hábitos de mobilidade de poboación son o resultado das novas realidades territoriais e sociais baseadas nun modelo de crecemento disperso e afastado dos centros urbanos, con distancias de viaxes máis longas que se caracteriza por unha dependencia crecente dos medios de transporte motorizados e, en especial, do vehículo privado. O resultado desta dependencia do vehículo privado deriva nun aumento dos niveis de contaminación tanto acústica coma ambiental, que provoca un deterioro do medio ambiente e da calidade de vida das persoas.

Nos últimos tempos, o desenvolvemento sostible é unha preocupación crecente das Administracións e cada vez máis dos cidadáns. O concepto de mobilidade deixou de estar ligado á idea de transporte por motivos laborais, de viaxeiros ou mercadorías para dar paso a unha nova percepción vinculada á accesibilidade de todos a calquera actividade desenvolta no territorio.
Tras a identificación destes problemas xorden os Plans de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) que propoñen un conxunto de actuacións para reducir os impactos negativos dos actuais hábitos de mobilidade e para establecer formas más sostibles, utilizando modos de transporte máis eficientes e reducindo o impacto sobre as persoas e o medio ambiente.

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) no documento “PMUS: Guía práctica para a elaboración e implantación de Plans de Mobilidade Urbana Sustentable” establece a seguinte definición acerca do que é un PMUS:

“Un Plan de Mobilidade Urbana Sostible, é un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo a implantación de formas de desprazamento máis sostibles (camiñar, bicicleta e transporte público) dentro dunha cidade; é dicir, dos modos de transporte que fagan compatibles crecemento económico, cohesión social e defensa do medio ambiente, garantindo, de esta forma, unha mellor calidade de vida para os cidadáns”.

O PMUS é, en resumo, unha ferramenta de planificación e un instrumento de concienciación e sensibilización para os cidadáns, as administracións públicas e para o resto de axentes implicados na mobilidade, que confire garantías e fundamentos técnicos ás decisións relativas ao transporte e á mobilidade, todas elas orientadas á consecución dun sistema de transportes eficiente e sustentable.