Cerdedo: 986 753 006 - Cotobade: 986 760 001

Saúdo

Estimados/as veciños/as, amigos/as e internautas

Quero darvos a benvida á nova páxina web do Concello de Cerdedo-Cotobade, que está concebida como a gran fiestra deste municipio de recente creación cara o mundo. Este espazo de Internet configúrase como unha peza máis no proceso de modernización desta administración local, sen dúbida unha das máis vangardistas de Galicia e de toda España por afrontar en 2016 un novidoso proceso de fusión entre os territorios de Cerdedo e Cotobade do que xurdíu un concello máis forte, máis grande, con máis peso poboacional, con máis recursos e con máis servizos públicos.

Cerdedo-Cotobade é un municipio inquedo que busca oportunidades de futuro para os seus veciños e que pretende renovarse constantemente –e esta web é un exemplo máis– pero sen deixar de ollar ao seu pasado, de manter as súas tradicións, de defender a súa identidade e idiosincrasia e de respectar e poñer en valor a súa historia e a súa riqueza natural.

Agardo que nesta páxina web os veciños poidan atopar toda a información que precisan para as súas xestións, para o seu día a día e para atopar todos os detalles dos moitos servizos públicos que sostemos co esforzo de todos. Tamén espero que comecen a utilizala como canle de comunicación directa co seu concello a través da recén implantada administración electrónica, que lles outorgará facilidades e lles evitará desprazamentos na súa relación coa nosa administración local.

Tamén creo que este portal pode ser unha ferramenta informativa de primeira magnitude para os milleiros de visitantes e turistas que cada ano gozan das nosas terras. Os nosos montes, ríos e paisaxes, os nosos equipamentos, a nosa beleza, o noso patrimonio e a nosa cultura aparecen espallados pola web para seren máis coñecidos e que cada día creza máis o número de persoas que se achegan ao que, subxectivamente, é o concello máis bonito do mundo.

Grazas por estar aí e unha forte aperta.