Cerdedo: 986 753 006 - Cotobade: 986 760 001

PROGRAMA LABORAL: Contratación de 21 traballadores

O Concello vai destinar 212.000 euros a incorporar 21 traballadores para Obras Públicas e Medio Ambiente.

O programa laboral financiarase coa liña 3 do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Os postos de traballo solicitados serán dous soldadores, cinco encofradores, tres condutores, sete motoserristas e un canteiro, pintor, mecánico e auxiliar ambiental. Este persoal, que reforzará o mantemento e mellora das infraestruturas e servizos públicos, contratarase por sete meses a xornada completa.


O Concello de Cerdedo-Cotobade vai destinar 212.000 euros á incorporación, no vindeiro mes de marzo, de 21 traballadores que se ubicarán nos departamentos municipais de Obras Públicas e Medio Ambiente co obxectivo de reforzar e apoiar ao persoal fixo destas áreas nas tarefas de mantemento e mellora das infraestruturas e dos servizos públicos.
En concreto, vaise contratar a dous soldadores de estruturas metálicas lixeiras, cinco encofradores, tres condutores –un de camión e dous operadores de maquinaria forestal–, sete podadores, rozadores e motoserristas forestais e un canteiro, un pintor de vías urbanas, un mecánico e un auxiliar de medio ambiente. Todos eles van recibir un salario bruto de 1.050 euros mensuais –aos que se engadirán as cotizacións á Seguridade Social–, xa que van a estar contratados a xornada completa e por un espazo de sete meses.
Este programa laboral, que vai ser financiado de xeito íntegro ao abeiro da liña tres do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, extenderase practicamente ata finais do presente ano tras a próxima incorporación dos 21 traballadores cando rematen os correspondentes procesos administrativos e de selección.
Como é preceptivo, o Concello vai orientar estas contratacións a persoas que estean en situación de desemprego e ademais vai priorizar a colectivos especialmente desfavorecidos na súa incorporación ao mercado de traballo, como son as vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas cunha discapacidade superior ao 33%, membros de familias monoparentais con fillos a cargo, persoas con niveis de renda baixos ou aqueles que teñan cargas familiares.
Estes traballadores, que se integrarán nas brigadas municipais e actuarán baixo a coordinación do encargado, van realizar tarefas de acondicionamento e creación de marquesiñas e peches municipais, reparacións urxentes, pavimentacións, muros, empedrados de urbanizacións, pintado de vías e dependencias do Concello, mantemento de vehículos e maquinaria, conducción de tractores, limpeza e roza de rutas e zonas verdes e control medioambiental.

Máis información, podes poñerte en contacto co Departamento de Emprego.

Compartir
28 Febreiro, 2020