Cerdedo: 986 753 006 - Cotobade: 986 760 001

Prevención de incendios: Limpezas ata o 16 de Xullo

A Consellería do Medio Rural publica no Diario Oficial de Galicia unha orde relativa á limpeza obrigatoria de faixas de protección contra os incendios forestais.

Ter limpos os montes e aquelas parcelas limítrofes con núcleos de poboación, vías públicas e equipamentos é unha obriga para todas as persoas titulares ou arrendatarias de terreos, de acordo coa Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

A lei marca o día 31 de maio para ter finalizados eses traballos. Sen embargo, nas actuais circunstancias de restrición da mobilidade estaba prohibido que ninguén puidese desprazarse para facer este labor pola súa conta ata a publicación da nova orde o 29 de Abril.

E é que a orde de Medio Rural vén aclarar, por unha banda, que segue activa a obriga de limpar de maleza os predios próximos ás vivendas e, por outra, a ampliación do prazo para facelo até o día 16 de xullo, de maneira que se compense o tempo perdido por mor do confinamento.

As persoas que se despracen para a realización de actividades de xestión da biomasa deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as leiras en que van levar a cabo as ditas actividades, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral; ademais, deberán levar consigo os apeiros, utensilios ou ferramentas necesarios para desenvolver as actividades de xestión da biomasa ou, de non levalos consigo, incluír na declaración responsable que os teñen depositados na parcela ou lugar determinado.

No caso de cortas de árbores e contratos con empresas madereiras, están autorizados os desprazamentos de persoas propietarias para identificar cos madeiristas os montes que se vaian cortar. Para iso deberá ser a propia empresa forestal quen lle facilite un salvoconducto (modelo autorizacion empresas forestais) á persoa titular e só para a data concreta en que se vaia facer a identificación da parcela e as árbores a talar.

Todo o cal sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección por parte da Administración para verificar o contido da dita declaración responsable, de conformidade co disposto no artigo 69.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2020 relativa ao prazo previsto no artigo 22.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, en cumprimento do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop) do 25 de abril.

Modelo autorizacion empresas forestais para outorgar aos propietarios forestais (DOG 17/04/20), A cubrir pola empresa forestal.

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade de diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 14 de abril de 2020.

Compartir
1 Maio, 2020