Cerdedo: 986 753 006 - Cotobade: 986 760 001

Máis de 7.000 quilogramos de roupa usada recollida no 2017 a prol de Cáritas

Cerdedo-Cotobade recolle máis de 7.000 kg de roupa usada no 2017 a prol de Cáritas.
  • O municipio conta con contenedores para depósito de roupa e calzado no CEIP de Tenorio e no núcleo urbano de Cerdedo.
  • A iniciativa, posta en marcha pola oficina de Medio Ambiente, pretende facilitar roupa a familias con poucos recursos e reducir os residuos.

O Concello de Cerdedo-Cotobade recolleu un total de 7.310,90 Kg de roupa e calzado usado no ano 2017 a través da empresa Arroupa, dependente da Fundación Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela.

arroupa

Os puntos de depósito de roupa recolleron 3.500, 10 kg do contedor de Tenorio e 3.810,80 kg en Cerdedo.

Esta iniciativa, que está impulsada pola oficina de Medio Ambiente, conta con dous obxectivos, que pasan polo aforro de custes no tratamento de residuos ao reducir o depósito de prendas nos contenedores xenéricos de lixo orgánico e, sobre todo, o feito e facilitar roupa en bo estado a familias con poucos recursos económicos.

O Concello optou pola firma Arroupa, que se encarga da recollida da roupa e do mantemento dos contenedores, como vía de xestión para a roupa e téxtiles usados porque se trata dunha empresa de economía social, dedicada á reciclaxe e posta en valor da roupa usada, facilitando a inserción laboral a persoas nunha situación de marxinación.

Os veciños poden depositar nestes colectores roupa, calzado, bolsos e téxtiles como mantas. As prendas en boas condicións serán ofertadas a familias e colectivos que precisen de axuda social, mentres que as inservibles serán enviadas a centros axeitados para a súa reciclaxe. Para aproveitar ao máximo os colectores e facilitar a xestión, desde o Concello pídese que a roupa se deposite neles en bolsas e –preferentemente– dobrada.

Compartir
31 Xaneiro, 2018