Cerdedo: 986 753 006 - Cotobade: 986 760 001

Plan Cerdedo BIODEPURA

Cun importe de preto de 200.000 euros como orzamento, o Concello de Cerdedo planificou a mellora de funcionamento e integración paisaxística de sete das súas actuais depuradoras municipais, incluíndo dentro destas, á EDAR do núcleo urbano de Cerdedo.

Planificouse a retirada das instalacións de depuración dos lugares de Outeiro -Vos Castros (Quireza) e de Tomonde porque presentan un estado moi avanzado de oxidación, con tecnoloxías obsoletas e con moitos problemas operativos que impiden cumprir cos objetivos de vertido e protección das augas. A novidade será que o Concello de Cerdedo vai apostar pola substitución destes sistemas por dous humidais artificiais.

 

PLAN CERDEDO BIODEPURA

Nos primeiros anos da década dos 90, o equipo de goberno daquel entón apostou por dotar de saneamento a moitos dos lugares do Concello de Cerdedo. Instalacións de depuración, que no seu momento cumprían cos seus rendementos, pero que a dia de hoxe, con máis de 10 anos en funcionamento presentan importantes deficiencias no seu funcionamento.

A esta problemática uníuselle a falta de planificación. Debido á falta de persoal cualificado e porque era función das administracións supramunicipais, non se realizaron estudos previos adecuados de caudais, carga contaminante, alternativas posibles, etc. Como resultado, construíronse instalacións pouco ou nada adecuadas para a realidade do noso territorio e das nosas augas residuais.

A elevada dispersión territorial característica de moitos concellos galegos do rural como é Cerdedo, levaron á instalación de pequenas depuradoras en moitos dos seus lugares que apenas superaban os 100 habitantes. O escenario que nos atopamos na actualidade é un concello con poucos recursos económicos e de persoal que debe atender as obrigacións legais en materia de saneamento como son o seu mantemento, xestión, múltiples analíticas e o máis importante, asegurar un rendemento que asegure o cumprimento dos obxectivos de calidade de vertido cada vez máis esixentes para non contaminar as masas de auga.

O Concello de Cerdedo, dentro do seu compromiso por incorporar unha estratexia de sustentabilidade a longo prazo nas súas políticas e a súa aposta pola protección dos seus recursos naturais, decide elaborar un plan de melloras nas depuradoras municipais e incorporar unha aposta clara por novos sistemas de depuración máis asumibles por parte dun pequeno municipio, non só desde o punto de vista do custo de investimento, senón tamén, e o que é máis importante, máis respectuoso coa protección do medioambiente.

O obxectivo é mellorar o funcionamento das instalacións de depuración para garantir a calidade da vertedura seguindo as estratexias europeas en materia de protección das augas. Apostar por tecnoloxías de baixo custo de investimento, mantemento e operación e que se axusten en cada caso ao tipo de poboación. A novidade é a prioridade do equipo de goberno na súa aposta por “tecnoloxías non convencionais ou de baixo custo” que nos últimos anos foron xa probadas con éxito en moitos países europeos. .

Baixo estes sistemas, a aposta do Concello de Cerdedo serán os “Humidais artificiais subsuperficias“. Basicamente, os humidais artificiais reproducen, de maneira controlada, os procesos de depuración que ocorren normalmente nos humidais naturais. Supoñen unha moi boa integración na contorna e permiten mesmo a creación de zonas húmidas con elevado valor ambiental. É un sistema totalmente natural e sen adición de produtos químicos de maneira habitual, producindo moi poucos lodos, o cal abarata a xestión. O seu mantemento é moi escaso, sen dependencia tecnolóxica e reducíndose a comprobacións periódicas. Non xera cheiros nin insectos xa que a auga circula polo interior do humidal.

Aínda que moitos ao principio poden velo como unha tecnoloxía simple xa que apenas conta con obra civil, o certo é que é unha tecnoloxía que se probou con éxito xa para depurar augas industriais e que en Europa levan apostando por eles desde fai máis dunha década.
O plan BIODEPURA está deseñado baixo os seguintes obxectivos:

  • Tecnoloxías que requiran un mantemento sinxelo.
  • Simplicidade na xestión de lodos xerados na depuración.
  • Custos mínimos de implantación e explotación.
  • Adecuarse á contorna coa maior integración ambiental posible.
  • Tecnoloxías competitivas en termos de eficiencia e máis sustentables.

 

Compartir
19 Maio, 2017