Cerdedo: 986 753 006 - Cotobade: 986 760 001

Normas desprazamento a hortas de autoconsumo durante o estado de alarma

 Os agricultores non profesionais e os propietarios de viñas de autoconsumo poderán acudir con total normalidade ás súas leiras que se atopan no mesmo concello da súa vivenda ou municipios adxacentes.

Deben levar consigo sempre unha declaración responsable que comprenda as fincas nas que levan a cabo estes cultivos ou os coidados das viñas, a folla do saneamento no caso de que se acuda atender o gando ou, por exemplo, a declaración do asentamento apícola se se van coidar colmeas. Lémbrase tamén a obriga de dispor do “carné de sulfatar” se se van dar tratamentos fitosanitarios, aínda que non se esixa como documento acreditativo dos desprazamentos.

O servizo de medio ambiente elaborou un modelo de DECLARACION RESPONSABLE HORTAS AUTOCONSUMO CERDEDO COTOBADE no que só tedes que cubrir os vosos datos.

Os desprazamentos deben ser “os mínimos e imprescindibles” para o mantemento e atención de cultivos ou viñas.

O desenvolvemento dos traballos realizarase de forma individual, salvo estas excepcións:

– Que se acompañe a persoas con discapacidade, menores, maiores, ou por outra causa xustificada, e polo tempo indispensable”.

– No caso de que sexa necesario polo tipo de traballos ou cultivos, ou por calquera outra causa xustificada, contar con dúas persoas para a súa realización.

En todo caso, os traballos levaranse a cabo  polo tempo mínimo e imprescindible, e respectando en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria, e así deberá especificarse na declaración responsable, sinalando o concreto tipo de traballos ou cultivos ou, se é o caso, a causa xustificada de que se trate.

A ordeSND/381/2020 do Ministerio e a Orde de 4 de Maio de 2020 da Consellería de Medio Rural autoriza os coidados de cultivos de autoconsumo “sempre que se atopen no mesmo termo municipal que o domicilio ou nun adxacente ao mesmo. Porén, o requisito de proximidade poderá exceptuarse “en situación de necesidade”, de maneira que se poderá ir máis lonxe en dous casos: para o coidado e alimentación de animais e para o coidado e recolección de hortas de autoconsumo por razóns de subsistencia “en atención á situación socioeconómica da persoa interesada”.


As persoas agricultoras e viticultoras profesionais e os seus traballadores poderán efectuar os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e dos viñedos.

Para os efectos desta disposición, terá a consideración de agricultor/a profesional, ben sexa a tempo completo ou parcial, quen estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

Para a acreditación do carácter de agricultor/a, que xustifique a realización deses desprazamentos, é suficiente coa inscrición da explotación no Reaga. Nese sentido, os axentes da autoridade poderán dirixirse ao dito rexistro para efectuar calquera comprobación que consideren oportuna. No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistro dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe cando se dan de alta nos rexistros.

Compartir
28 Abril, 2020