Cerdedo: 986 753 006 - Cotobade: 986 760 001

Montes de Cerdedo-Cotobade contribuirán a mitigar o cambio climático

Cerdedo Cotobade participará nun proxecto de reforestación de preto de 400 hectáreas para a compensación de emisións de CO2.

O concello conseguiu atraer á empresa CO2 Revolution para levar a cabo no noso municipio un proxecto de reforestación de zonas non arboradas ou superficies queimadas para contribuír a compensar emisións de CO2 e así axudar a mitigar o cambio climático.

Unha oportunidade de ouro para que os nosos montes, tan castigados polos incendios, axuden a mitigar emisións contaminantes como sumidoiros de carbono, á vez que se recuperan e póñense en valor novamente a través da bioeconomía. Por iso, presentouse o proxecto ás distintas comunidades de montes do concello e guiadas polo servizo municipal de medio ambiente e en colaboración cos distritos forestais, seleccionáronse posibles parcelas que cumprisen os requisitos técnicos do proxecto.

CO2 Revolution é unha empresa especializada en aplicar a intelixencia artificial á enxeñería forestal e conseguiuse nunha primeira fase que 8 comunidades de montes ( Borela, Rebordelo, Loureiro, Tenorio, Vilar, Quireza, Chamadoira, Covas e Casal) asinen con eles un convenio de colaboración cos que se conseguirá reforestar unhas 400 hectareas.

O obxectivo será realizar plantacións de coníferas mesturadas con rodales de frondosas autóctonas. Para iso, estudarase en cada actuación, o sistema de plantación máis adecuado á contorna e máis eficiente. Así mesmo, o proxecto supoñerá a contratación de varias persoas da zona, polo que o proxecto terá ademais dun impacto ambiental, un beneficio económico e social na zona.

Segundo Juan Carlos Sesma, CEO de CO2 Revolution, investir en árbores supón investir en futuro en todos os sentidos e o Concello de Cerdedo – Cotobade é un exemplo institucional da aposta cara a unha verdadeira transición ecolóxica e un modelo de desenvolvemento sostible. CO2 Revolution actúa como xanela para canalizar investimentos de empresas e marcas para compensar as súas emisións mentres ao mesmo tempo traballan para reducilas. Entre os seus clientes atópanse LG, Banco Santander, Grupo Siro, Leroy Merlin, Springfield, Mapfre etc, empresas con compromiso ambiental para seguir crecendo nun ambicioso proxecto a favor da recuperación dos bosques españois.

Cerdedo-Cotobade súmase así a outras zonas españolas tamén reforestadas como son Estremadura, Murcia, Palencia, Guadalaxara, Burgos ou Palencia na que se une bioeconomía coa xestión dos montes para xerar beneficios económicos, ambientais e sociais.

Compartir
20 Marzo, 2021