Inscrición aberta programa compostaxe. Tenorio, Viascón, Santa Maria e San Xurxo de Sacos.

O Concello extende o plan piloto de compostaxe a Tenorio, Viascón, San Xurxo e Santa María de Sacos.
• A actividade chegará a un máximo de 100 vivendas nestas catro parroquias e a inscrición permanece aberta ata o 5 de febreiro.
• A iniciativa ampliarase a Augasantas, Rebordelo, Borela, Almofrei, Loureiro e Valongo durante o vindeiro exercicio.

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai emprender unha nova fase do seu plan piloto de compostaxe e vai extendelo, neste ano 2018, ás parroquias cotobadesas de Tenorio, Viascón, San Xurxo e Santa María de Sacos. Esta actividade de reciclaxe de residuos orgánicos desenvolveuse con éxito na súa posta en marcha enCerdedoen 2016 e tamén nas zonas de Corredoira, Caroi e Carballedo durante 2017 e agora vai seguir ampliándose polo territorio municipal grazas á financiación acadada pola concesión dunha segunda subvención ao abeiro do proxecto PIMA Residuos do Ministerio de Medio Ambiente.
Esta nova fase prolongarase durante as anualidades 2018 e 2019 e chegará a un total de 200 vivendas, correspondendo cen delas ás catro parroquias citadas e ao presente exercicio. Posteriormente, o Concello ten previsto completar a implantación do proxecto en todo o termo municipal en 2019 co seu desenvolvemento nas seis restantes do territorio de Cotobade: Augasantas, Rebordelo, Borela, Almofrei, Loureiro e Valongo.
En canto á actividade para o presente ano, os veciños de Tenorio, Viascón, San Xurxo e Santa María de Sacos que estean interesados en participar deben inscribirse ata o 5 de febreiro acudindo ás oficinas municipais ou a través de correo electrónico ou chamada telefónica, tendo prioridade aqueles que estean empadroados.
Formación, materiais e seguimento.
As familias participantes recibirán, tras a obrigatoria asistencia á charla de formación, un cubo para almacenar os restos de comida na cociña, un composteiro, un aireador, un manual e un imán identificativo como guía. Así mesmo, terán a súa disposición un servizo que lles proporcionará o material estruturante necesario para mesturar cos seus restos de comida.
Os participantes serán asesorados durante todo o proceso e faráselles un seguimento trimestral para comprobar o funcionamento do composteiro, corrixir posibles malas prácticas e comprobar os resultados, xa que se leva un control numérico da redución de residuos e se publican os resultados globais na páxina web do concello.
O obxectivo deste proxecto pasa por reducir o lixo que se deposita nos contedores a través de dúas medidas: aumentando os índices de reciclaxe coa dotación de máis contedores para estes fins e concienciando aos veciños por medio dunha campaña e, por outra banda, impulsando a compostaxe doméstica para evitar que os restos de comida cheguen a estes depósitos.
Ademais, por medio da compostaxe de comida, que representa arredor do 40% da bolsa de lixo dunha vivenda e que supón a tipoloxía máis pesada, conséguese pechar o ciclo da materia orgánica ao obter, con estes restos e outros vexetais, un abono natural para as hortas. Outra vantaxe de eludir estes depósitos de comida céntrase na redución das toneladas de lixo enviadas a Sogama para o seu tratamento, o que supón un aforro económico para as arcas municipais ao diminuír o custo deste proceso.