Cerdedo: 986 753 006 - Cotobade: 986 760 001

Información sobre a normativa de prevención de incendios forestais

Nos últimos anos o Concello informou a través de bandos, cartas, prensa, mapas nos tablóns municipais das responsabilidades de limpeza de fincas que as persoas propietarias -ou usufructuarias- teñen á hora de aplicar as medidas preventivas para evitar os incendios forestais. O pasado 28 de decembro publicáronse no DOG varias modificacións da Lei de prevención de incendios forestais que deben terse moi en conta.

En cumprimento da Lei 3/2007 de prevención de incendios, se é vostede titular/propietario de parcelas ou terreos situados en solo urbano, urbanizable e núcleo rural ten a obriga de mantelas nun adecuado estado de limpeza e coa masa vexetal desbrozada antes do de 31 de Maio de cada ano. Ademais lembrarlle que se ten algunha parcela que se atope dentro dunha franxa  perimetral de 50 metros ao solo urbano, urbanizable delimitado e de núcleo rural, así como ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións situados a menos de 400 metros do monte deberán estar limpas (Artigo 21 da Lei 3/2007).

Ademais, no interior do núcleo de poboación e na totalidade da franxa de protección de 50 metros non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira da presente lei, como piñeiros, acacias, eucaliptos, toxos ou xestas.

As distancias mencionadas mediranse segundo o límite do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable ou ben, de ser o caso, dende os paramentos exteriores de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, ou os límites das súas instalacións anexas.

 

No suposto de incumprimento do disposto anteriormente, o Concello, de oficio ou por solicitude de interesado, enviará á persoa responsable unha comunicación na que se lle recordará a súa obriga de xestión e limpeza da biomasa vexetal e arbórea e para facelo se lle concederá un prazo máximo de 15 días naturais, ou de tres meses no caso das franxas laterais das vías de comunicación, contado dende a recepción da comunicación.

O incumprimento desta obriga transcorrido o devantido prazo determinará a incoación do correspondente expediente sancionador, coa imposición da multa que proceda segundo a lexislación vixente, que pode ir dos 1.000 ata os 10.000 euros previstos a Lei 2/2016, do solo de Galicia. O Concello poderá proceder á execución subsidaria dos traballos, cargando os custos de xestión ao obrigado e, de ser o caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola administración.

No caso de que o propietario da parcela sexa descoñecido e non se lle poida repercutir os custos acumulados da execución subsidaria por parte da administración actuante, a administración poderá levar a cabo a expropiación forzosa da parcela cando os custos de limpeza superen o valor catastral da parcela.

É de especial importancia respetar as distancias de plantacións respecto a estradas, núcleos de poboación, edificacións illadas, montes, industrias, etc…Por ilo, a Consellería de Medio Rural emitiu un cadro explicativo no que se resumen as distancias que hai que manter a cada tipo de elemento do territorio, tendo en conta o tipo de plantación. Picando na fotografía podes ver o cadro a maior tamaño.

Polo tanto, en resumen,  as parcelas, situadas nos núcleos de poboación e na franxa de protección de 50m, das que vostede é propietario/a deberán estar limpas e debrozadas, con especial importancia antes de que comece o verán e polo tanto a época de alto perigo de incendios. Lembrarlle que a administración poderá repercutir os gastos de extinción dun incendio ás persoas responsables de non cumprir coa obriga de limpeza e xestión da biomasa vexetal e polo incumprimento das distancias mínimas, segundo o establecido na lei 3/2007, de incendios e na lei 7/2012, de montes de Galicia.

Premando neste link, podes acceder a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Neste link podes ler as modificacións introducidas polo Goberno galego o pasado mes de decembro, na lei  9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Compartir
13 Abril, 2018