O roteiro de sendeirismo “Pontes do Lérez”constitúe unha ruta de 28 km pola ribeira do rio Lérez ao seu paso polos concellos de Cerdedo e Forcarei. Os elementos de patrimonio máis significativos son as pontes que eran paso obrigado nos camiños medievais que unían os mosteiros e as importantes vilas de Santiago de Compostela e Ourense; a riqueza etnográfica e arquitectónica constituída por eiras de hórreos, muíños, lavadoiros, ermidas, antigas minas, capelas, torres, cruceiros… todos eles proba das raíces históricas e sinal do protagonismo da pedra e do traballo dos canteiros.
Ao longo da ruta podemos atopar tres das agrupacións máis importantes de hórreos de Galicia (unha clase de celeiros que servían para o secado do millo e almacenaxe): “Eira Grande” en Pedre, Filgueira e a “Eira da Pena” de Cerdedo.
Nas proximidades do roteiro descubrimos as capelas de San Bartolomé, de Pego e de San Antón, todo no marco natural das terras do interior pontevedrés, onde o contraste topográfico enriquece a paisaxe.
Penetrándonos na ruta descubrimos numerosos muíños, aproveitando fórza da auga, obtíñase fariña de cereais como o trigo, o centeo e, principalmente, o millo. Podemos econtrar ademais muíños de batán que servían para compactar a la de mantas e prendas de vestir.
O roteiro constitúe un percorrido pola ribeira dos tramos medio e alto do rio Lérez. Este río ten o seu nacente a 900 m de altitude na Serra do Candán, onde as precipitacións poden acadar os 2.300 mm, concentradas no inverno e no outono. Estas achegas fan do Lérez un río poderoso, con augas limpas e moi osixenadas, ricas en invertebrados acuáticos e insectos que son depredados por troitas (Salmo trutta fario), merlos (Cinclus cinclus) ou o martin pescador (Alcedo athis). Sempre preto da auga é posible observar tres especies endémicas do noroeste da Península ibérica, como son a píntega rabilarga (Chioglossa lusitanica), a ra patilarga (Ra iberica) e o lagarto da auga (Lacerta schreiberi).
O río Lérez conta na práctica totalidade do seu percorrido coa protección dun bosque de ribeira de amieiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix atrocinerea), acompañados do fento real (Osmunda regalis). Nalgúns enclaves de relevo accidentado persisten pequenos bosques onde a árbore predominante é o carballo común (Quercus robur). Esas fragas caracterízanse pola presenza de perennifolios como loureiros ((Laurus nobilis), hedras e acivros (Ilex aquifolium).
Nas proximidades da rota atópase o Mosterio de Santa María de Acibeiro, obra románica do século XII, coa sua antiga feira, o Castro de Loureiro, a Torre Alarma de Castrelo do século XV, o conxunto arquitectónico de Pedre, as capelas de San Bartolomé, do Pego e San Antón, todo no marco natural das terras do interior pontevedrés, onde a contraste topográfica enriquece a paisaxe.
1- Ponte románica de Pedre
2- Ponte Nova de Pedre
3- Ponte de Vichocuntín
4- Ponte Nova de Cerdedo
5- Ponte de San Antón
6- Ponte Valoutas
7- Ponte Pego
8- Ponte Parada
9- Ponte Gomail
10- Ponte Nova de Forcarei
11-Ponte Vella de Forcarei
12- Ponte Maril
13- Ponte Valiñas
14- Ponte do Crego
15- Ponte Carballa
16- Ponte Nova de Andón
17- Ponte Vella de Andón
18- Ponte das Codeseiras
19- Ponte Vella do Forno
20-Ponte Vella do Rabadelo