Cerdedo – Cotobade conta cun importante patrimonio de arte rupestre, espallado por todo o territorio.
As terras deste concello albergan importantes asentamentos desde a antigüidade, polo que son abundantes os restos arqueolóxicos; sobre todo petróglifos, mámoas e castros que conforman as mostras máis significativas dos antigos poboadores do municipio. Aínda que é certo que moitos deles, debido ao seu difícil acceso e sobre todo pola súa propia conservación seguen sen ser estudados e desenterrados.
Os petróglifos son gravados históricos con representacións de caracter simbólico, realizados en rocas graníticas dos que se coñecen máis de 150 exemplos. Debemos con todo, mencionar os seguintes, xa que debido á súa localización e extensión son os máis representativos desta época.
Podemos distinguir os seguintes conxuntos rupestres:
Outeiro do Lombo da Costa. (San Xurxo de Sacos)
Considerado o conxunto de maior envergadura. Atópanse aquí máis da metade dos petróglifos de Monte Arcela. Esta estación, destaca polo seu tamaño, de máis de trinta metros cadrados, con cerca de vinte rochas gravadas. Os motivos máis representados son as combinacións circulares e os cuadrúpedos. Esta zona constitúe xunto con Fentáns, unha das estacións máis interesantes do Noroeste Peninsular. Dentro de esta estación é preciso destacar o petróglifo Laxe das Rodas, petróglifo de gran tamaño con arredor de cincuenta combinacións de círculos concéntricos de variada tipoloxía e entralazadas, e numerosos cérvidos de pequeno tamaño, e a Laxe do Cuco, rocha plana que representa figuras de cérvidos, combinacións circulares e cazoletas.
Gravados rupestres de Fentáns
O concello de Cerdedo-Cotobade alberga numerosos gravados rupestres. Os máis significativos están localizados na parroquia de San Xurxo de Sacos, sendo especialmente importante o Conxunto de Gravados rupestres de Fentáns, que acolle preto de 300 gravados. Tres rochas destacan sobre o resto: a Pedra das Ferraduras, a Laxe dos Cebros eo Couto do Rapadoiro.
- A Pedra das Ferraduras: Na parte superior desa rocha represéntase un dos mellores exemplos de pegadas de cérvidos e bóvidos que se conservan, que parecen camiñar deica unha combinación de círculos concéntricos. A parte sur está dominada por unha escena de caza ou acoso, constituída por sete figuras antropomorfas reducidas á mínima expresión que portan armas e rodean aos cervos. A rocha contempla ademais tres deseños dos denominados ídolos-cilindros.
- Laxe dos Cebros: Sobresae polo seu deseño labiríntico con grande cazoleta central. Arredor deste deseño dispóñense varios cérvidos e combinacións circulares, coa peculiaridade de que todas as figuras están unidas entre si, en maior ou menor medida.
Coordenadas para poder chegar as pedras:
Coordenadas WGS84: Lonxitude: -8.512860O Latitude: 42.524724N Coordenadas UTMT29 ETRS89: X: 540136 Y: 4708368
- Couto do Rapadoiro: Localizado nunha pequena rocha, nel aprécianse catro combinacións circulares. Na parte inferior distínguese o que podería ser un ídolo, unha combinación circular e un cérvido acompañado dunha figura humana que semella ferilo. Na parte dereita está representado outro cérvido. Cronoloxicamente atribúese á etapa de transición do III ao II milenio a. de C.
Máis información: http://www.terrasdepontevedra.org/gl/arte-rupestre/conxunto-de-gravados-rupestres-de-fentans.html
Petróglifos de Viascón
Cerdedo-Cotobade conserva numerosos restos prehistóricos, como mámoas, castros e petróglifos. Os máis destacados, ademáis do de Fentáns, son os complexos rupestres localizados nas parroquias de Viascón onde se atopan os gravados rupestres de Pedra do Lombo da Costa, Laxe do Cuco e a roca de Portela da Laxe.
- Portela da Laxe: Parte dos Petróglifos de Portela da Laxe foron destruídos no último cuarto do século XX como consecuencia das obras de ampliación da estrada que une Pontevedra e Ourense. Dos seis conxuntos que había quedan dous. A rocha principal está situada na parroquia de Viascón a menos de 100 metros do quilómetro 15 da estrada N-541. Trátase dunha gran rocha a rentes do chan que mide 7,80 m. de longo por 2,80 m. de ancho. Nela destacan os gravados con combinacións circulares, cadrados recheos de puntos, paletas e unha interesante cruz esvástica no punto medio da metade esquerda. O outro grupo da estación son dúas rochas que presentan combinacións circulares. Unha é alongada, de 6 m de longo por 1,60 m. de ancho, e a outra é mais pequena, de 2,50 por 1,70 metros, aproximadamente.
- Laxe das Rodas do Lombo da Costa: Tamén en Viascón subindo 400 metros dende N-541 por unha empinada pista forestal, encontramos a Pedra do Lombo da Costa. Nesta rocha destaca a combinación de grandes círculos con pequenas figuras zoomorfas. Estas últimas aprécianse ben só con luz solar rasante, xa que soamente con esta luz percibimos as figuras co gravado máis suave.
Máis información:http://www.terrasdepontevedra.org/gl/arte-rupestre/os-petroglifos-de-viascon.html
Laxe das Coutadas (Costa-Viascón)
Conxunto de gravados sobre rocha de granito de gran medio, de 12 x 5 ms. As representacións de cérvidos comparten cos círculos a superficie da rocha. Hai asociacións de motivos, como a combinación de círculos concéntricos no medio de zoomorfos.
Porteliña da Corte (Aguasantas).
Conxunto de gravados divididos en cinco rochas moi próximas entre sí. Presenta gran número de cazoletas, arredor de vinte combinacións circulares e un cuadrúpedo.
COTO DE CASTRODIZ
O coto de Castrodiz da nome á feligresía. Castro romano a 631 m de altura no que se erixiu un forte medieval. Xosé Roxelio Otero Espasandín poeta e fillo da parroquia, dedícalle un poema “Castrodiz, castro amigo en Terras de Cerdedo. Nacín a túa veira, soñei coas túas lendas sendo neno”.
A CRUZ DO CASTRO
A Cruz do Castro é un outeiro situado en Carballedo, no que se asenta un xacemento arqueolóxico da Idade do Ferro e da Época Romana Tardía, formado por varios recintos fortificados e distintos elementos etnográficos e construcións de arquitectura popular, entre os que salienta un muiño de vento, o Muíño de Vento de Laredo recentemente restaurado.A Cruz do Castro é un outeiro que se sitúa ás costas do barrio da Igrexa, en Carballedo, e sirve de soporte a un dos conxuntos patrimoniais máis coñecidos do Concello de Cotobade. Consta dun xacemento arqueolóxico, formado por varios recintos fortificados e distintos elementos etnográficos e construcións de arquitectura popular.
As escavacións arqueolóxicas sacaron á luz vestixios de construcións e materiais da Idade do Ferro e da Época Romana Tardía, os dous espazos históricos nos que se move o asentamento. Desa última os achados son sorprendentemente ricos: cerámica local e de importación do Mediterráneo, obxectos de uso cotián e de adorno persoal, entre os que destaca un anel de bronce e un pendente de ouro.
Esta última peza ten unha importancia extraordinaria, xa que é a primeira vez que se atopa en Galicia unha xoia desas características nunha escavación científica.
No recinto principal atópase o Muíño de Vento de Laredo, unha das catro construcións deste tipo existentes en Cotobade. É do tipo bidireccional de cuberta fixa e foi recentemente restaurado.
Máis información en:http://www.terrasdepontevedra.org/gl/visitar-cotobade/604-a-cruz-do-castro.html