Cerdedo: 986 753 006 - Cotobade: 986 760 001

Contratación brigadas infraestructuras e medio ambiente

Cerdedo-Cotobade activa novas brigadas de infraestruturas e medio ambiente con 24 persoas durante o próximo semestre.
• Contratáronse entre unha selección de desempregados primando aos peóns de roza, con nove prazas, e aos encofradores, con outras cinco
• Tamén se incorporan, para reforzar os servizos municipais, soldadores, canteiros, pintores, mecánicos, condutores e auxiliares ambientais
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de poñer en marcha novas brigadas de traballadores temporais nas áreas de infraestruturas municipais e medio ambiente coa contratación de 24 persoas desempregadas a xornada completa durante o próximo semestre, polo que reforzarán a atención aos servizos públicos ata que remate o presente exercicio. Dita actuación supón un investimento de 219.593 euros e está financiada ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Nesta ocasión, e tendo en conta a necesidade principal de manter limpas as infraestruturas e demais espazos municipais e públicos nun ano de gran crecemento da maleza e ante o ascenso do turismo, o Concello optou por primar a contratación de podadores, peóns de roza e motoserristas forestais, que copan un total de nove prazas. Así mesmo, tamén destaca a incorporación de canteiros, con outras cinco persoas, para a execución de tarefas de reparacións urxentes, pavimentacións e muros de pechamento.
As dez persoas restantes que reforzarán a plantilla municipal no que resta de ano serán soldadores de estruturas metálicas lixeiras (2), condutores-operarios de maquinaria forestal a motor (2), condutores de camión (2) e, xa cun efectivo por posto, canteiro, pintor de vías urbanas, mecánico e auxiliar de medio ambiente.
O obxectivo deste plan laboral pasa por mellorar a empregabilidade e favorecer a inserción laboral dos parados contratados ao tempo que se impulsa a preservación das infraestruturas municipais, o patrimonio cultural, o medio natural e os vehículos e a maquinaria do parque do Concello. Este persoal, que foi seleccionado en estrito cumprimento das bases do Plan Concellos, traballará en coordinación coa Brigada Municipal de Obras e baixo a supervisión e control do encargado municipal.

Compartir
20 Xullo, 2020