Cerdedo: 986 753 006 - Cotobade: 986 760 001

Cerdedo-Cotobade

No interior da provincia de Pontevedra, a 22 km da capital, aséntase o Concello de Cerdedo-Cotobade.

Cunha extensión de 215,10 km2, distribuídos ó longo de 21 parroquias, é o lugar axeitado para descubrires o patrimonio cultural e histórico dunha antiga terra de canteiros. Un legado arquitectónico e artístico digno de admiración en calquera recuncho, onde o románico é o protagonista.

Cerdedo-Cotobade é un concello da provincia de Pontevedra, situado no oeste da mesma. Limita cos concellos de Pontevedra, Campo Lameiro, A Estrada, Forcarei, A Lama e Ponte Caldelas. Este concello xurdiu da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade, en outubro de 2016. A capitalidade do Concello atópase no lugar de A Chan, na parroquia de Carballedo, sen que o seu topónimo se corresponda co de ningunha entidade de poboación.

Unha pegada da nosa historia

A historia neste concello empeza no período megalítico, o que fai que os restos arqueolóxicos sexan moi abundantes.os restos arqueolóxicos máis numerosos son os petróglifos. Aínda que existen abundantes mostras en gran parte do municipio, os máis destacados podémolos atopar en San Xurxo de Sacos, Viascón e Santa María de Sacos.

No referente á época romana a vía “SCONDITA” foi a calzada que uniu os diferentes pobos e que nos deixou pontes sobres os ríos Lérez e Almofrei, que se utilizaron ata a actualidade.

Na idade media, tivo a súa propia xurisdición con xuíz nomeado polo Conde de Soutomaior, dono e señor das terras. No século X fundouse o convento beneditino de Tenorio ao que o pobo lle pagaba as rendas e que tamén estaba baixo ordénelas do Conde de Soutomaior.

O fito fundamental destas terras foi na guerra de independencia, pódese dicir que os veciños abriron a guerra, atacando as guarnicións francesas de Borela, San Xurxo de Sacos e Tenorio. Posteriormente atacan a guarnición francesas de Pontevedra. Nestes feitos destaca a utilización por parte dos veciños do “Canón de Pau” que consistía nun tronco oco e suxeito con argollas de ferro e que resistía ata 12 canonazos.

Lenda da Loureiriña

É a lenda dunha fermosa ninfa rubia que baixou desde o Castro de Loureiro, onde moraba, para contemplarse nas cristalinas augas do Lérez, na zona da Ponte do Crego. Enfeitizada pola beleza da extensa e frondosa carballeira , a rubia ninfa quedou durmindo placidamente ecando de vez en cando espertaba, aparecíaselle ós camiñantes. Un día de san Xoán, un xentil mozo falou con ela e esta levouno ata unha cova que tiña na porta a flor de auga. Estaba chea de ouro, alí había vaixelas de ouro, culleres, pratos…, todo de ouro, incluso tiña unha galiña de ouro que puña ovos de ouro. Pero tamén lle contou que tiña na entrada unha trabe de alcatrán que, se a Loureiriña quería, queimaría a quen se atrevese a achegarse ó tesouro.

(facer clic na imaxe para ampliar)

COMARCA

Concello de Cerdedo – Cotobade forma parte das Comarcas Pontevedra e Tabeirós-Terra de Montes. Unha área de transición cara o interior a cabalo entre as terras do litoral pontevedrés e a comarca do Deza.